- A xoven empresa viguesa Aensis asegura que a ciberseguridade non funciona debido á “tecnoloxía obsoleta” que empregan os particulares e as empresas para protexer os seus equipos. Para combatir esta desprotección, fabricou un dispositivo de ciberdefensa punteiro a nivel mundial
- O responsable de expansión desta startup, José Luis García Rodríguez, alertou nunha charla celebrada na XGN R Encounter a necesidade de concienciar a empresas, traballadores e particulares sobre os riscos de Internet, e lembrou que España é el terceir país máis atacado do mundo
- A empresa coruñesa Aerial Works, especializada en drons, impartiu unha charla formativa na que se abordou a orixen destos aparatos, a normativa ou as perspectivas do sector, e puideron coñecer de primeira man varios modelos profesionais.
A ciberseguridade converteuse nunha preocupación de primeira orde mundial, ata o punto de provocar perdas por valor de 300.000 millóns de euros o pasado ano, 14.000 millóns en España. De feito, o noso país é o terceiro que máis ataques sofre do mundo, por detrás unicamente de Estados Unidos e Gran Bretaña. Ante este panorama, unha nova startup galega, Aensis, lanzou unha nova aplicación para combater a ciberdelincuencia con maior eficacia.
José Luis García Rodríguez, responsable de expansión de Aensis, ofreceu unha charla no marco da XGN R Encounter, na que alertou aos asistentes sobre a crecente ameaza da cibercriminalidade. Nun intento de sensibilizar a empresas, traballadores e particulares sobre este problema, lembrou que o 32% das empresas europeas teñen recibido algún ataque informático nos últimos 12 meses. En 2016, o Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe) contabilizou 115.000 incidentes informáticos a empresas e particulares en España, un 130% máis que os 50.000 rexistrados o ano anterior.
¿A que se debe esta crecente ameaza? O experto en ciberdefensa asegurou que “algo non está a funcionar na ciberseguridade actual” debido á “tecnoloxía obsoleta” que empregan os particulares e as empresas para protexer os seus equipos. O 'cortalumes' ou 'firewall', encargado de protexer os nosos dispositivos de accesos non autorizados, emprega unha tecnoloxía dos anos 70 e isto, en opinión do experto, está relacionado coas altas cifras de ciberdelincuencia, xa que son como “coadores con pequenos buracos dos que se aproveitan os hackers”.
"Hackear é fácil, o difícil é protexerse"
García Rodríguez citou datos da Garda Civil, que confirman que o software habitual soamente protéxenos do 24% de 'malware' ou 'software malicioso' existente. Debido a todas estas vulnerabilidades, García Rodríguez concluíu que “hackear é bastante sinxelo. O difícil é protexerse”.
Con este obxectivo, a startup galega, nacida en 2016, desenvolveu “a primeira empresa que fabrica un dispositivo de ciberdefensa de espectro completo”, con capacidade para protexer un sistema fronte a máis de 30.000 aplicacións, fronte ás 4.000 aplicacións detectadas por un antivirus normal, e identificar e deter 800.000 vulnerabilidades. Un dispositivo que xa conta con importantes clientes internacionais e que emprega tecnoloxías avanzadas Big Data para realizar unha análise ultrarrápido e completo que rexistra, almacena e analiza todas as ameazas de forma sinxela e clara.
Os drons: un sector en expansión
Un dos pratos fortes da xornada de hoxe foi o taller de drons, ofrecido pola empresa coruñesa Aerial Works. Ademais dunha conferencia divulgativa na que se trataron aspectos como a orixe destes aparellos, a normativa ou as perspectivas do sector, nunha segunda parte máis práctica os asistentes recibiron formación sobre os distintos compoñentes do aparello, e coñeceron de primeira man varios modelos de drons profesionais.
Anxo do Real, cofundador da empresa, asegurou que as perspectivas de crecemento desta industria son moi boas, pero criticou a normativa restritiva que afecta os drons de uso profesional. De feito, o relator confesou que Aerial Works ten que rexeitar o 80% dos traballos que lle ofrecen porque “o sector dos drons foi máis rápido que a normativa” e os obstáculos lexislativos son moi numerosos.
De todos os xeitos, á espera de que se aprobe a nova regulación, a Xunta de Galicia investiu 47 millóns de euros nos últimos anos para utilizar drons en sectores como a agricultura ou a pesca. E é que este tipo de aparellos voadores permiten a captación de datos multiespectrais complexos que poden axudar a detectar o estado dos cultivos ou facilitar enormemente o labor topográfico.
Outras actividades
Durante a xornada de hoxe sábado séguense desenvolvendo gran número de actividades na XGN R Encounter. Ademais das charlas e talleres formativos, que se celebran na zona denominada Extranet, de acceso libre e gratuíto, os visitantes tamén poden gozar coa estación drone, onde testarán a súa habilidade como pilotos en circuítos de obstáculos, e co billar xigante denominado Snookball. Tamén é aberta a participación en varias disciplinas de deportes informáticos, así como nos torneos de robots, as carreiras de substitucións, os combates de sumo con traxes inchables ou carreiras sobre pelotas xigantes.
Esta zona aberta acolleu onte á noite, e volverao a facer hoxe, unha partida de rol en vivo. Especialmente espectaculares están a ser as zonas de combates, tanto con espadas acolchadas como con armas 'nerf', que utilizan dardos de gomaespuma nun campo de obstáculos. Ademais, durante toda a party, na zona R instalouse unha “Escape room” baixo o nome de “Desactivador R” e calquera visitante poderá gozar do espazo expositivo complementario con presenza de empresas relacionadas co material informático e o lecer, entre outras propostas.
Entre tanto, os inscritos no evento continúan tomando parte no amplo programa de actividades, como as doce competicións de videoxogos, os concursos de arte dixital, a área de robótica, a zona de realidade virtual ou as granxas de impresoras 3D.