Arranca a party informática XGN R Encounter con máis contidos e velocidade que nunca

  • O evento, grazas á tecnoloxía aportada pola empresa R, colaboradora e patrocinadora oficial, multiplicará por cinco a súa velocidade de conexión xa que contará con 10 xigas simétricos
  • Mañá arranca a edición número 17 desta cita, que se desenvolverá na Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra) ata o 10 de setembro
  • O programa de actividades incluirá diferentes conferencias sobre temáticas como a ciberseguridade, o cosplay, os drons o ou a realidade virtual, entre decenas de actividades lúdicas e formativas
  • Esta festa tecnolóxica, que conta co respaldo da consellería de Política Social da Xunta de Galicia, xa superou a cifra de inscritos da pasada edición

A party galega XGN R Encounter comezará mañá a súa décimo sétima edición, con máis velocidade e contidos ca nunca. Ademais, a cifra de inscritos é maior á da pasada edición, e a falta de quen se sume nas últimas horas, supera xa as 800 persoas. Todo está preparado para que a Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, acolla un evento que aspira a consolidarse como unha das grandes citas tecnolóxicas do Estado.

Entre as principais novidades desta edición está a velocidade de conexión de 10 xigas simétricos, que multiplica por cinco a do ano pasado. Para lograr esta conectividade, R despregou un cable de fibra óptica de 120 quilómetros de lonxitude desde Vigo ata o recinto..

Entre as súas melloras tamén destaca a aposta por potenciar o programa de actividades, que supera considerablemente o número de propostas respecto de pasadas edicións e inclúe moitas novidades. Así, entre outras moitas accións, celebraranse doce torneos de videoxogos fronte aos oito da pasada edición, e por primeira vez haberá actividades de arte dixital, robótica ou realidade virtual. Ademais, haberá máis conferencias, talleres formativos e alternativas de lecer.

A XGN R Encounter contará cunha zona denominada “Intranet” orientada aos inscritos, onde gozarán dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar en numerosas actividades e torneos exclusivos. Tamén terá unha área coñecida como “Extranet”, cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente tanto os inscritos como os visitantes que se acheguen a Silleda.

Todo isto ultímase xa cun equipo conformado por máis de oitenta persoas que desempeñan distintos labores organizativos, como montaxe, conectividade, contidos, actividades ou coordinación.

Ademais, a XGN R Encounter vincúlase este ano coa rede de 'Encounters' de Euskaltel que vén desenvolvéndose en Euskadi desde hai 25 anos, e da que forman parte a Euskal Encounter, a Gipuzkoa Encounter e a Araba Encounter. Precisamente, a incorporación como patrocinadora e colaboradora da empresa de telecomunicacións R, integrada no Grupo Euskaltel, permitiu este "irmandamento" entre os afeccionados á informática de ambas comunidades.

Formación, arte dixital e diversión

Durante o evento desenvolveranse distintas actividades dirixidas exclusivamente aos inscritos, como concursos de arte dixital, nas súas tres vertentes: creación de imaxes dixitais, música dixital e a programación. O talento creativo dos participantes sairá a relucir a través das diferentes competicións, ás que presentarán as obras realizadas durante o evento. E poderán completar a súa formación a través de talleres que lles permitirán iniciarse na maquillaxe FX ou construír un sabre de luz, ao máis puro estilo Star Wars, co que posteriormente se realizarán combates.

Os afeccionados ao hardware tamén dispoñerán das súas propias actividades. Entre elas, a modificación, cambio e personalización dos seus equipos, para mellorar a súa estética ou as súas prestacións. Non faltarán as “granxas” de impresoras 3D, onde se impartirá formación a quen desexe aprender sobre esta tecnoloxía, nin un espazo de realidade virtual dentro da zona R, unha ferramenta con múltiples aplicacións, tanto en medicina como na educación ou os videoxogos. E tamén se instalará un espazo de robótica, no que os participantes poderán iniciarse na montaxe destes enxeños electrónicos.

Non podían faltar as competicións oficiais de videoxogos, que serán unha ducia, nin as opcións máis lúdicas, con probas que van desde o lanzamento de CD ata as carreiras con computador, pasando polos torneos de softcombat (utilizando espadas, coitelos e escudos).

Programa de actividades abertas ao público

Nesta zona de acceso libre desenvólvese un programa que incluirá diferentes conferencias sobre temáticas como a ciberseguridade, o cosplay, os drons ou a realidade virtual. Os visitantes tamén poderán gozar coa estación drone, onde testarán a súa habilidade como pilotos en circuítos de obstáculos, e co billar xigante denominado Snookball. Tamén é aberta a participación en varias disciplinas de deportes informáticos, así como nos torneos de robots, as carreiras de relevos, os combates de sumo con traxes inchables ou carreiras sobre pelotas xigantes.

De igual forma, a “Extranet” acollerá unha partida de rol en vivo nocturno, e unha zona de combate nerf, con dardos de gomaespuma nun campo de obstáculos, con partidas de 20 persoas xogando simultaneamente. E na zona R haberá unha “Escape Room”, baixo o nome de “Desactivador R”

Así mesmo, a XGN R Encounter volverá incluír un pequeno espazo expositivo complementario con presenza de empresas relacionadas co material informático e o lecer electrónico.

Inscricións

O prezo de inscrición á XGN R Encounter é de 30€ e pódese realizar ata hoxe xoves, 7 de setembro, ás 16 horas, a través da páxina da party, www.xgnrencounter.gal. A partir desa hora abrirase o despacho de billetes, onde os participantes poderán aínda inscribirse pero cun custo maior e no caso de haber sitios libres.

Aínda que o evento comezará oficialmente mañá día 8, abrirá as súas portas de forma non oficial hoxe ás 16.00 horas, co obxectivo de facilitar o acceso dos inscritos e permitir que aqueles que o desexen comecen a instalar os seus postos e útiles para durmir. Será unha xornada de probas técnicas e montaxe.

 

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532

 

Localización

twitter facebook