A party informática XGN R Encounter abre o 22 de agosto o prazo de inscricións dunha cita reforzada en conectividade e contidos

A Feira Internacional de Galicia ABANCA celebrará do 8 ao 10 de setembro a decimo sétima edición da party informática Xuventude Galicia Net (XGN), a cal adopta o nome de XGN R Encounter ao incorporarse a empresa R ao evento como patrocinadora oficial, ademais de colaboradora a nivel técnico e de contidos. Así, a entidade feiral, R e a Consellería de Política Social, impulsora do evento a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, únense nesta nova convocatoria.

A XGN R Encounter abrirá o seu prazo de preinscricións o próximo día 22 de agosto ás 10.00h. O prezo será de 30€ e poderase realizar a través da páxina da party, www.xgnrencounter.gal.

Como novidade nesta edición, o día 24 de agosto a partir das 10.00h os inscritos poderán seleccionar os seus postos, o que asegurará aos participantes que acudan en grupo situarse na mesma zona da LAN party, a cal terá 1.044 postos habilitados. Así mesmo, o evento disporá por primeira vez dunha app propia.

Intranet e extranet reforzadas

A XGN R Encounter manterá en 2017 a súa formulación, se ben se reforzarán as súas prestacións ao multiplicar por cinco a velocidade de conexión grazas a R (contará con 10 xigas simétricos de fibra óptica, ademais de 1 xiga de respaldo). Tamén se potenciará o seu programa de torneos e actividades.

Estas melloras forman parte dun proxecto conxunto que pretende que a XGN R Encounter medre ata converterse en 3 ou 4 anos nunha das LAN partys máis importantes de España, ao tempo que significa fraternizar e contar a nivel técnico e de contidos coa bagaxe da party Euskal Encounter, organizada por Euskaltel en Bilbao e que acaba de celebrar a súa edición número 25. Ademais, supón a vinculación da party coa rede de Encounters da que tamén forman parte a Gipuzkoa Encounter, que suma 11 citas, e a Araba Encounter, que este ano celebrará  a súa cuarta edición.

A XGN R Encounter contará cunha zona Intranet orientada aos inscritos, os cales poderán desfrutar dun posto con dereito a acampar no interior do pavillón e tamén a participar  en numerosas actividades e torneos exclusivos. Unirase de novo a ela a Extranet, unha área que acollerá un completo programa con multitude de actividades ás que poderán acceder tanto os inscritos como os visitantes que acudan ao recinto. Ademais, volverá a incluír un espazo expositivo complementario con presenza de empresas relacionadas co material informático e o ocio electrónico, entre outros.

Aínda que o evento comezará oficialmente o día 8, abrirá as súas portas de forma non oficial o 7 de setembro ás 16.00h, co obxectivo de facilitar o acceso dos inscritos e permitir que aqueles que o desexen comecen a instalar os seus postos e útiles para durmir. Será unha xornada de probas técnicas e montaxe.

Pasada edición

A convocatoria de 2016, a cal se celebrou do 9 ao 11 de setembro, contou coa participación de cerca de 800 inscritos, procedentes na súa maioría de Galicia pero tamén de Asturias, País Vasco, Castela e León, Madrid, Valencia, Cataluña e Baleares. Estes puideron participar en máis de 40 actividades distintas, das que catorce foron torneos unicamente para eles e as restantes estiveron abertas a todos os visitantes.

Organiza

Fundación Semana Verde de Galicia

Voz:

986 577000 (de luns a venres de 9 a 14 h)

Correo electrónico:

info@xgnrencounter.gal

Responsables de prensa:

Aitor Ubarretxena. Infotres Comunicación.
943 22 45 30 / 609 12 16 66
E-mail: press@euskalencounter.org
 
Silvia Regal. Fundación Semana Verde de Galicia
986 577000 / 669 840532

 

Localización

twitter facebook